Sunday 05 de May de 2024

Unha expedición de Villena realiza o Camiño A Orixe cunha parada no consistorio pobrense


Un total de 39 peregrinos e peregrinas procedentes de Villena (Alacant) atópase facendo o Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe, completando hoxe a etapa correspondente coa Pobra para, nos vindeiros días, chegaren a Compostela. A expedición está formada por compoñentes de AMIF. Personas con discapacidad física Villena y Comarca acompañadas de integrantes da Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Villena.

Nesta xornada visitaron a casa consistorial da localidade, onde foron recibidos e recibidas polo alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG); e a súa homóloga dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra).

Á recepción tamén asistiron representantes da Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe: o seu presidente, Manuel Mariño, e a secretaria, Marián Treus.

O rexedor relatou algunhas das obras en materia de mellora da accesibilidade que se están executando como, por exemplo, a da casa consistorial, e outras que están proxectadas cara a un futuro. Expresou tamén o seu desexo de que a experiencia lles resulte grata e desfruten da natureza, así como dos atractivos turísticos e culturais dos cales gozan os municipios polos cales descorre esta ruta xacobea en que, segundo apuntou o presidente do colectivo barbancés, se fará fincapé para que resulte inclusiva.

No remate fíxose un intercambio de presentes. Por parte do Concello e da Asociación A Orixe entregóuselles cadansúa cuncha peregrina, mentres que María Ferrando, no nome dos viaxeiros e viaxeiras, agasallou con varios obsequios; entre eles, o libro Historia de Villena, desde la prehistoria hasta el siglo XVIII, escrito por José M.ª Soler.